Thursday 25 de April de 2024

Cheo absoluto na XLIII Mostra de Teatro Galego de Cariño, con sold out en todas as funcións


· “A pesar de volver celebrarse nun contexto de pandemia o evento foi outra vez todo un éxito, de organización e asistencia”, destacou o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar.

A XLIII Mostra de Teatro Galego de Cariño volveu a sobrepoñerse ao contexto sanitario, que condiciona totalmente a súa organización, e a pesar diso rexistrou un cheo absoluto, contabilizándose un sold out en todas as representacións teatrais das dúas últimas semanas.

Respectando os aforos e as medidas de seguridade marcadas polo protocolo COVID-19 elaborado pola organización, a XLIII Mostra de Teatro Galego de Cariño encheu tanto os escenarios ao aire libre como a sala do Auditorio Municipal, onde por segundo ano consecutivo algunhas obras volveron vender todas as entradas desde horas antes do comezo das funcións.

O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destacou que “é incrible que, ano tras ano, e a pesar das circunstancias, sigamos consolidándonos como a Mostra de Teatro decana de Galicia, rexistrando un crecemento exponencial en canto ao interese do público”.

O rexedor desexou que “o próximo ano podamos celebrar a Mostra como viña sendo habitual” e felicitou a todos os que participaron na organización do evento xa que “a pesar do contexto sanitario foi todo un éxito, de organización e de asistencia, algo que temos que volver celebrar”.

Jonathan Miranda, concelleiro da Mostra, declaraba estar “cada ano máis satisfeito do que vemos á saída das representacións, toda a xente goza a pesar das limitacións motivadas pola pandemia e así o certo é que todas estas semanas de traballo valen a pena”.